Nin unha pequena gota caeu hoxe sobre as nosas cabezas. ¿Será que iamos tan preparados que a choiva mirou para outro lado?
Ao longo desta mañá fixemos unha fermosa saída, xunto ao segundo ciclo, ás Fragas do Eume. Repartimos o tempo entre a paraxe natural e o Mosteiro de Caaveiro. Acompañounos Fran, un monitor que resultou ser un magnífico mestre de ciencias, canto, malabarismo, historia. Explicounos cunha paciencia e humor admirables un montón de curiosidades sobre todo o que tiñamos ao noso redor: árbores, plantas, pedras, animais... Moitas grazas, se nos les, por compartir con nós tantos e tantos pequenos detalles.
A saída deste venres estivo moi ben. Aprendimos moitas cousas que nos eran descoñecidas e vimos unha cantidade impresionante de obxectos de todo tipo fabricados con materiais da selva da Amazonía da rexión do Orinoco.
É unha exposición moi interesante que estará aberta ata o 12 de xaneiro. Tedes máis información no Blog da Biblio Xoán Farias.
Amosou a diferenza entre unha coloumna e un pilar. ¿Recordades? A columna ten a súa base circular; o pilar, cadrado. Fíxonos observar as columnas e os pilares do edificio do museo. Algún pilar parecía estar totalmente torto, pero comprobamos que non era así, verdade? Pero o mellor de todo foi un segredo... que... claro, se o contamos, deixará de ser segredo. Así que como prometimos que calariamos a boca, non nos queda outra que poñer unhas imaxes sen palabras e, quen quera saber, terá que preguntar e investigar.
Hoxe fixemos unha saída a pé ata o IES de Catabois. O segundo e o terceiro ciclo. Acompañounos no percorrido a Policía Municipal, ¿Vedes que guapo está Rafa? Pois hai algunha foto máis... ¡dentro do coche! e ¡falando pola megafonía! Creo que foi un dos que mellor o pasou esta mañá. Os profes do IES invitáronnos a asistir a unha interesante demostración da Policía Nacional. Foi unha mañá moi agradable porque ademais puidemos falar cos nosos ex-compañeiros. ¡Que cambiados están! ¡Como medraron! Foi toda unha ledicia compartir con eles todas esas apertas. Aproveitamos para enviarlles unha mensaxe agarimosa; que saiban que non os esquecemos e que lles desexamos moita sorte. Esperamos que traballen polo seu futuro e que disfruten deses preciosos anos.
Como comprobaredes nas fotos tivemos moita sorte porque, a pesar de que a chuvia sempre é unha ameaza nestes tempos, hoxe compinchouse con nós e non nos fallou. Así que o pasamos bomba. Escoitamos as explicacións que nos deron e tamén puidemos pasearnos entre eles para coñecer os seus cans, ver o robot que desactiva bombas, o ordenador que o manexa, probar os seus cascos, a moto, os coches... Fenomenal.
Grazas ao IES pola súa hospitalidade e ¡ATA PRONTO!
Hoxe pola mañá fomos a ver a película "Enredados", dentro do programa CINENSINO. Esta película está basada no conto clásico de Rapunzel, dos Irmáns Grimm. Tedes máis información no blog da Biblio.
Ficha técnica:
Título: Enredados (Rapunzel)
Dirección: Nathan Greno, Byron Howard.
País: Estados Unidos
Ano: 2010
Duración: 92 minutos
Xénero: Comedia musical. Animación.
Elenco: Mandy Moore, Zachary Levi, Donna Murphy, Ewan McGregor, Ron Perlman, Steve Martin.
Distribuidora: Walt Disney Pictures
Produtora: Walt Disney Pictures, Walt Disney Animation Studios.
Sinopse:
Rapunzel, unha adolescente cunha cabeleira dourada con máxicos poderes, vive encerrada nunha misteriosa torre desde pequena. Alí atópase co bandido máis buscado do reino, Flynn Rider. O dúo vive emocionantes aventuras na compaña dun cabalo superpolicía, un camaleón subreprotector...
Con esta película, o Programa Cinensino, trata de poñer de relevo a importancia do esforzo na formación das persoas; dos nenos e nenas, neste caso. Quedémonos coa necesidade de ir asumindo responsabilidades que nos levarán pouco a pouco a ser persoas autosuficientes e comprometidas. Saber asumir os erros, e ser quen de afrontar as situacións difíciles e saber superalas será o reto para pasar dunha etapa a outra da nosas vidas.
RECICLATERRA centro de Interpretación e divulgación da reciclaxe, situada en Mougá-Ferrol, dá a coñecer aos visitantes a realidade do consumo de residuos e o seu posterior tratamento, e intenta promover hábitos positivos de consumo. Este centro inaugurouse no ano 2004. Foi un antigo vertedoiro. Está situado nunha zona alta preto da costa.
Esta mañá acudimos puntuais á nosa cita coa Aula Reciclaterra. Fomos o 2º e o 3º ciclos, e Gloria e Patricia encargáronse de traballar con cada ciclo facendo diversas actividades simultáneas. Así, mentres os nenos e nenas de 3º e 4º elaboraban un xoguete reutilizando materiais, nós, 5º e 6º, fixemos un interesante percorrido polo mundo dos TRES ERRES: Reducir, Reutilizar e Reciclar. Acabamos a primeira parte da sesión cun "Pasapalabra", que nos axudou a reforzar todo o que nos explicara Patricia anteriormente. Chegou o momento do descanso e tempo de tomarnos a merenda, e a continuación, cambio de actividade e de monitora. Na segunda parte da visita aprendemos a facer unhas carteiras con cartóns de leite ou de zume, previamente limpos e secos, claro, senón... Ao principio parecíanos moi complicado, pero pouco a pouco vimos que é unha actividade moi bonita. Todos estivemos de acordo en que, agora que xa practicamos, poderemos facer máis no cole.
E aquí tedes algúns dos paneis que teñen pendurados nas paredes da aula:
Este é o recordo que nos levamos para a casa. Seguro que non esqueceremos estes días que pasamos xuntos. Haberá que ir pensando na viaxe do próximo curso...
A última parte da nosa viaxe foi unha ruta no catamarán polo río Sil. O embarcadoiro, o de Doade, no Concello de Sober. Grazas ao noso condutor, Juan, podemos ensinarvos estas fotos. Descubrimos que é un gran afeccionado á fotografía e agasallounos xenerosamente cun montón de fermosas imaxes desta ruta. ¡UN MONTÓN DE GRAZAS! : ) Estas son algunhas delas: