jueves, 25 de octubre de 2012

"NOVAS NO NOVO CURSO"

Despois deste mes e medio de ausencia, hoxe comezamos no blog unha nova etapa. 5º e 6º abren as súas portas para este curso 2012-2013. Unha vez máis tentaremos amosar parte das actividades que o alumnado de 5º e 6º realizará dentro ou fóra do centro. Este ano compartimos aula e titoría, aínda que aseguramos o desdobre en matemáticas, lingua galega e coñecemento do medio. Esperamos que sexa un curso propicio para aprender e medrar con autonomía e responsabilidade.
Estreámonos con dúas actividades que tiveron lugar esta mañá no centro.
Ás dez da mañá fíxonos unha visita Pepe, da Asociación micolóxica Viriato. Xuntámonos co 2º ciclo no salón de actos. Alí atopamos unha ampla exposición con moitos e variados cogomelos. De cada un deles explicounos características e curiosidades, e de todos aprendemos un pouco. É un mundo moi, moi grande e xa sabemos que ata que nos convirtamos en especialistas nunca deberemos consumir cogomelos a non ser que unha persoa coñecedora nos asegure que non son perigosas para a nosa saúde.
Pepe explicounos porque é conveniente o uso dun cesto para recoller cogomelos: así facilitamos que as esporas vaian caendo e queden no bosque ou no campeiro de onde collemos o cogomelo. Desta forma contribuímos á súa dispersión.
Estes son parte do cogomelos que puidemos observar na exposición e no campo do noso cole:
Tamén temos fotos da charla. A verdade é que foi moi interesante, e ademais, como podedes observar, pasámolo moi ben, porque Pepe soubo como contarnos "de marabilla" aquilo que pensaba que era importante que aprendesemos:
No blog da Biblio podedes ver, se tedes interese os títulos dalgunhas guías e libros especializados que Pepe nos recomendou.
Desde aquí dámoslle outro aplauso porque fíxonos pasar un tempo moi especial. Gustounos un montón así que moitas, MOITAS GRAZAS!!
 E a seguinte actividade desenvolveuse despois do recreo. É a segunda xornada que realizamos con dúas monitoras do Concello de Ferrol. Nesta sesión puidemos facer algunha foto para que teñades unha idea de como se desenvolve o traballo que facemos. É un obradoiro que xira entorno á igualdade de xénero. Esta mañá, divididos en catro grupos, dous de nenas e outros dous de nenos, fixemos dúas probas: unha coser un pano de forma que conseguisemos obter como resultado unha bolsiña con botón para pechala; a outra proba consistía en armar un pequeno carriño metálico con rodas.
A verdade é que tivemos algunha dificultade, pero... ¿saberiamos dicir en que casos tiveron máis dificultade as nenas ou os nenos? Cremos que é complicado e, de momento non podemos resolver moito porque temos a actividade de hoxe pendente de rematar. Esperamos ao seguinte xoves para tirar conclusións. Xa temos algo avanzado pero, haberá que esperar.
¡ATA A PRÓXIMA!

1 comentario:

  1. Menuda mañá máis ocupadiña tivéchedes! Xa vexo que aprendíchedes moito sobre os cogomelos e que tamén o pasáchedes xenial. Gustoume moito o obradoiro sobre a violencia de xénero. Paréceme un tema moi importante para tratar na escola. Unha aperta.

    ResponderEliminar