martes, 12 de noviembre de 2013

CONTOS DE MEDO

Xa sabedes, polo BLOG DA BIBLIO, que estivemos preparando uns contos colectivos de medo. Estes son os nosos. Esperamos que vos gusten. Fomos elaborando estes contos todos xuntos e témolos arquivados nos nosos ultraportátiles. Estamos aprendendo a traballar os textos, a inserir imaxes... Todo leva o seu tempo!

Primeiro, o de 5º:







Título: “Zombies vs vampiros”
Escenario: Cemiterio
Personaxes: Vampiros, zombies, 2 irmáns (neno e nena) e un corvo negro.
Argumento: Os irmán pérdense no cemiterio, e dentro hai unha guerra entre zombies e vampiros. Á nena convértena nunha vampiresa e ao neno nun zombie. Os irmáns conseguen que zombies e vampiros repartan o cemiterio. Daquela os nenos poden volver ao seu estado normal. Nese momento, chega a policía cos seus pais.
Autores: Olaya, Ernesto, Armando, Joan, César e Daniel, de 6º.

ZOMBIES VS VAMPIROS

Hai tanto tempo que non podo recordar, houbo dous irmáns que se perderon nun tenebroso, escuro e inhóspito cemiterio. Xocas e Lisbeth, que así se chamaban os nenos, levaban un tempo buscando o camiño de volta á súa casa. Estaban sedentos, cansos e asustados porque oían os ouveos dos lobos que estaban perto.



Cando a campá da igrexa tocou as doce badaladas, unha nube de corvos revoou sobre as tumbas. De súpeto un lóstrego caeu sobre o cemiterio dando vida aos mortos. Os morcegos da noite convertéronse en malvados vampiros e empezou unha batalla campal. A nena, asustada, camiñaba para atrás, cando sentíu un aire frío, unha sensación espeluznante. Xirouse e viu un vampiro que se abalanzaba sobre ela. O vampiro mordeulle e zugoulle o sangue. Mentres, Xocas estaba sendo atacado polos zombies. Acurralárono e un mordeulle sen piedade.



Os nenos déronse conta de que a situación era terrible; xa non eran eles mesmos, tiñan que loitar entre eles… ¡NOOOON! Iso non podía ocurrir. Puxéronse de acordo para falar cos xefes das dúas bandas. Así poderían repartirse o lugar: os zombies quedarían con todas as tumbas; os vampiros, coa capela e como gardiáns da entrada. Unha vez resolto o conflito deixaron de pelexar e cada un volveu aos seus aposentos, dos que eran hóspedes dende había miles de anos.



Pola mañanciña oíron os seus nomes.  Os seus pais, acompañados da policía, buscaban desesperados aos seus fillos. ¡XOOOOOCAAAS! ¡LIIIIISBEEEETH! ¡XOOOOOCAAAS! ¡LIIIIISBEEEETH!, ¿ONDE ESTADEEEES?

Os nenos, abrazados co medo, descansaban na por

ta da capela, agochados entre as pólas dun arbusto que había. Ao escoitar as voces dos seus pais, erguéronse e saíron correndo a abrazalos.  Querían saír de alí correndo canto antes.



Pasados uns anos, curiosos, volveron ao cemiterio. Necesitaban saber como estaba. Atopáronse nas portas do camposanto pero alí quedaron petrificados de medo!!! Outra batalla campal tíñase iniciado. Aterrorizados, e sen ter que mirar o un para o outro, empezaron a correr.


E colorín colorado o cu quedoulles ben morado e saíron de alí escopetados.


Agora, o de 6º:



TÍTULO: “ A apócema da bruxa”
PERSONAXES: unha bruxa, un esqueleto, un gato negro e un morcego.
ARGUMENTO:  Un esqueleto quere deixar de envellecer e recuperar o seu corpo de humano. Para iso pídelle axuda á bruxa. A bruxa accede pero se equivoca e convérteo en morcego.
AUTORES: Sonia, Lucas, Edu, Aitana, Alberto, Cristian e Álex, de 5º curso de Primaria do CEIP de Pazos.


“A APÓCEMA DA BRUXA”

Érase unha vez un noxento, fedorento e articulado esqueleto que cando paseaba polo bosque encantado asustaba ás pombas, que caían aos seus pés.

Canso dos seus vellos ósos, un día de treboada, con lóstregos e enxordecedores tronos, decidiu ir á casa enmeigada onde vivía a bruxa. Seguro que ela podería axudalo.

Chamou á porta cun Toc-Toc seco. A porta abriuse lentamente emitindo un son moi agudo e desagradable.

Unha fea, verdosa e verruguenta bruxa remexía un caldo con vómitos de ra, ollos de cabra, pelos de gorila e sucios estropallos. ¡Mmmm! ¡Que cheiro tan agradable! ¡Puag!

O esqueleto, con moitos nervios no estómago, dirixiuse á bruxa para pedirlle axuda. Necesitaba o seu antigo corpo de humano. Sentíase feo e lixado, e quería axuda; un conxuro que cambiase os seus ósos por un fermoso corpo.


A bruxa accedeu e pensou como podería facer. Díxolle que necesitaba uns caramelos de sabor a cabaza; para ilo o esqueleto tería que ir  facer “Truco Trato” polas portas dos seus inimigos. O esqueleto obedeceu. A meiga mentres tanto mirou no seu libro de enfeitizos. No momento en que máis concentrada estaba, o seu gato negro rabuñoulle na cara e cambioulle a páxina. Daquela, a bruxa non se enterou deste cambio e fixo a apócema de converter esqueletos en espantosos morcegos. Ha, ha, ha, ha, ha, ha!



Máis tarde, chegou o esqueleto cos seus caramelos de cabaza. A bruxa meteu os caramelos na apócema. Remexeu e remexeu, mesturou ben todos os ingredientes e botou tres pelos máis de gato para que quedase ben saborosa.

O esqueleto, sen dar tempo a máis, enguliuna dun rápido grolo. O efecto foi inmediato: empezou a tremer, encoller e estirar ata que quedou convertido nun gran morcego de ollos vermellos, moi parecidos aos dunha cabra. E unhas ás de dragón, grandes negras.





A bruxa quedou pasmada e ao gato deulle un ataque de risa, tan, tan, tan grande que a bruxa, avergoñada,  tentou desculparse ante o morcego, pero todo era inútil. O mal xa estaba feito. ¡Haaaaa!! ¡Haaa! Síntoo moito. Haaaa, haa!!!
E colorín colorado este conto está acabado.


1 comentario:

  1. Encántame o conto de medo de 5º. O de sexto tampouco está mal...
    Lucas, de 5º

    ResponderEliminar