viernes, 17 de febrero de 2012

CELEBRANDO O ENTROIDO NO 3º CICLO


Como cada ano, celebramos o Entroido, este curso non tivemos moito tempo para preparar disfraces na escola, así que viñemos disfrazados ou trouxemos cousiñas para nos disfrazar aquí, no cole. Como veredes non faltou nin o MECO, nin os seus mandados; tampouco faltaron referencias aos contos que tanto nos gustan e que enchen unha importante parte da nosa vida. Non vos asustedes se vedes a unha vaca facendo matemáticas ou a unha "folklórica" debatíndose ante un retrato de Gonzalo Moure; é que ese día tamén tivemos tempo a primeiriña hora da mañá de adiantar algún traballo que nos urxía... ¡HAAA, HAA!

Agora queremos ensinarvos os testamentos que fixemos en 5º e 6º:
TESTAMENTO DE QUINTO
Febreiro de 2012.

Reunido cos de quinto
case me fan dar un brinco,
e co chifre de buxo
un aturuxo
Uuuuuuuuuu……………
Antes de que me queimen,
o testamento vou ler.
Tedes que escoitar
e atender.

En primeiro lugar,
aos de Infantil
doulles un pingüín.
Aos de primeiro ciclo,
un porco montado nun triciclo.

Para terceiro e cuarto,
un saco con cartos.
Aos de sexto, os maiores,
disfraces de cores.

Para Feli, que lle gusta a súa netiña, doulle unha cadeliña.
Para Xana, a bailarina,
un moño cunha pinza.

A Lucía, a máis traballadora
déixolle moitos “deces”
e unha grapadora.
Para Elisa xoguetona,
unhas vacacións a Barcelona
nunha vasoira voadora.

Déixolle a Michelle
un gran pastel.
Para Marta veloz,
un lobo feroz.
A Jose, que é moi xoguetón,
doulle o Real Madrid, que é o mellor.

Quédalle a Rafa,
que non lle gusta traballar,
bonecos para xogar.
Para Dani, o menos
traballador,
un cerebro, que é mellor.
E para os demais profes,
con moito agarimo
que nos deixen en paz
e que suban a un pino.

¡¡VIVA O ENTROIDO!!
TESTAMENTO DE SEXTO
Febreiro de 2012.

Miñas donas e meus señores,

déixovos o testamento

para queimardes as miñas dores.

Deixo o meu bandullo,

moi ao meu pesar,

ao ciclo de segundo

por se o queren usar.

Déixolles ao primeiro ciclo e aos peques

as miñas ganas de xogar ;

que xoguen todo o día

e non esquezan traballar.

Para os profes,

algo especial,

quero que sufran un pouco

pero nos aproben igual.

Para Xaime, Carmen e Aurora

tamén teño algo pensado:

darlles a miña coroa

para que manden nesta escola.

Para o terceiro ciclo,

a gran despedida:

Para quinto que se queda

e para sexto que se vai

déixovos os meus recordos

por se queredes recordar.

E, por último, vede a letra do romance que os nenos e nenas de 5º interpretaron para todos nós:

ROMANCE

“VIVA O ENTROIDO”

Ai, la, la, la,…

Viva, viva o Entroido,

viva, viva, viva, viva,

estamos todos contentos

celebrando este día.

Imos todos disfrazados,

de cousas moi sinxelas,

porque hai moita,moita crise,

e os cartos non nos chegan.

Pero, a pesares de todo

temos que pasalo ben,

festexando este Entroido

comendo freixós con mel.

Adeus, adeus amiguiños,

gozade desta festa,

o Meco está esperando,

queimalo dos pés á testa.

Ai, la, la, la, la,…

No hay comentarios:

Publicar un comentario